29/9/16

O NOSO COLEXIO NA TVG


 Hoxe, na TVG, emitirán o programa COS PÉS NA TERRA, onde sairán os nenos e nenas do noso centro, que participaron nas actividades do Horto o curso pasado. Que pasen un bo día!

21/9/16

Exposición no comezo do outono

Comezamos coas exposicións de libros no recuncho situado exterior da biblioteca.
Como comeza o outono os libros fan referencia a esta estación.



14/9/16

Benvidos ao curso 2016-2017

Iniciamos un novo curso, o que supón un avance na vosa formación e preparación. Por iso, necesitaredes dedicación e esforzo persoal para alcanzar as metas que vos propoñades. Neste labor contaredes coa axuda dos vosos profesores. A nosa función é tentar formaros, pero tamén axudarvos para que cheguedes a conseguir esas metas.

Neste Centro son moitos os compañeiros e compañeiras que queren aprender e formarse como persoas. Para conseguilo, é preciso ter en conta unhas normas de comportamento que deben basearse no respecto aos  compañeiros, aos  profesores e ao persoal non docente.

Durante o curso vades ter unha persoa que vos guiará nas vosas dúbidas e problemas: o voso titor ou titora. Pero a cambio, pedímosvos que os axudedes no seu labor contribuíndo a crear un clima agradable de convivencia na clase. Tentade resolver os vosos conflitos cos compañeiros dialogando e razoando con eles; as voces, os insultos, os berros... só demostran unha falta de educación e non resolven nada.

Pedímosvos tamén a vosa colaboración en manter a orde nas aulas e corredores. Durante o tempo entre clase e clase debedes permanecer na vosa aula esperando ao profesor. Non están permitidos os berros e os saltos.  Utiliza as papeleiras que están repartidas por todo o Centro. 

E por último recordamos que tedes á vosa disposición unha Biblioteca ben dotada para que poidades retirar e devolver os libros que necesitedes. Coidádeos, pois teñen que ser utilizados por todos os alumnos e alumnas do Centro. O voso profesorado guiaravos nesta tarefa.


7/9/16

Biblioteca Escolar - Territorio das Artes

"Biblioteca escolar - Territorio das Artes" é o lema escollido para os materiais que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita a comezo do curso 2016/2017  con destino ás bibliotecas escolares dos centros educativos galegos. Nesta ocasión foi MINIA REGOS a creadora convidada a interpretar o lema anual.
A imaxe creada por Minia Regos garda moitas sorpresas para as lectoras e os lectores; propón un xogo de exploración e aventura por este "territorio" complexo e engaiolante que é toda biblioteca escolar.  
Nos últimos anos, as bibliotecas escolares demostraron que é posible integrar as ciencias e as humanidades nas actividades de lectura e de acceso e construción do coñecemento. Os materiais de divulgación científica, os xogos matemáticos, a xeografía ou as aventuras da exploración física ou simbólica foron temática de traballo e son xa parte esencial das programacións e dos proxectos coordinados desde as bibliotecas. Cómpre agora facer visible esa parte do coñecemento humano que conecta directamente coa creatividade: as Artes todas teñen cabida na biblioteca escolar e así o demostran as múltiples actividades programadas anualmente con está temática. 

1/9/16

Instrucións sobre a organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2016/2017


O Portal Educativo publica as INSTRUCCIÓNS de 1 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2016/2017, e que serán de apliación en todos os centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e O.U. que imparten ensinanzas de nivel non universitario, coa adaptación pertinente ás diferentes tipoloxías de centros. Acompañan ás Instrucións propiamente ditas, un Anexo I de Anotacións, e un Anexo XI de Orientacións (este último correspondente á última convocatoria PLAMBE).